Programas

Programas realizados polo CSS no seu conxunto.

Programa A mina contamina

A mina contamina é unha iniciativa de sensibilización social sobre os conflitos e impactos ambientais e socioeconómicos asociados ao extrativismo mineiro. A necesidade de sensibilización e divulgación sobre a minaría desde puntos de vista alternativos e asentados nas evidencias históricas e científicas tórnase necesaria no momento actual ante a intensa actividade do lobby mineiro orientada a crear un “estado de opinión favorábel” apagando toda negatividade asociada ao extrativismo. O traballo é froito da colaboración desinteresada de educadoras ambientais, docentes de ensino primario, secundario e universitario, activistas ambientais e historiadoras. Partindo desde a óptica da educación para a sustentabilidade, o seu obxectivo é fomentar unha actitude crítica e reactiva en relación á visión da minaría proxectada na Galiza polo lobby mineiro e a propia administración (“Galiza é unha mina”) co obxecto de empoderar a sociedade para a defensa da súa terra, saúde e futuro.

O programa A mina contamina disponibiliza gratuitamente os seguintes materiais educativos:

Libro infantil e espectáculo de monicreques A mina contamina

Sinopse: A mina contamina é unha historia na que apenas as dúas protagonistas son froito da imaxinación. Pinga e Lavandeira desvendan as consecuencias da minaría contaminante e encoraxan as crianzas e as adultas a se tornaren parte activa da solución aos problemas causados polo extractivismo.

A mina contamina é un libro infantil ilustrado con deseños a toda cor e pensado para un público de entre 6 e 12 anos. Inclúe un bloque de 10 actividades pensadas para traballar individualmente, en familia ou en grupos así como a peza de teatro A mina contamina ou o que non vos queren contar, adaptación da propria historia do libro ilustrado. O libro, mesmo sendo autónomo, ofrécese xunto cunha Unidade Didáctica específica que pode ser descargada de graza. O libro foi creado polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e Montescola co apoio da Guerrilla Foundation. O libro inspirou tamén un espectáculo de monicreques co mesmo título:

Nesta páxina indicaremos en que bibliotecas e librarías estarán dispoñíbeis para empréstimo ou compra as versións impresas (disponibilizadas en Acordo Ortográfico e norma ILG-RAG).

Arquivos asociados:

 

Documental San Finx 1960

Sinopse: Lousame, 1960. Unha presa de decantación de residuos das minas de San Finx rebenta, arrastando río abaixo lodos e entullos. Deste evento, bautizado como a “catástrofe de 1960”, apenas existen rexistros escritos. Hoxe, as presas están abandonadas, en risco dunha nova ruptura. A responsabilidade evaporouse. Mais o relato do acontecido sobrevive na fráxil memoria da viciñanza, ao tempo que unha nova concesionaria e a administración se empeñan en reescribir a historia.

San Finx 1960 é un documental producido polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e dirixido por Irene Pin. Foron co-produtores asociados Montescola, a Sociedade Histórica Cultural Coluna Sanfins e a Plataforma en Defensa do Mar de Muros-Noia co apoio da Guerrilla Foundation. O documental é apto para o público xeral, e foi concebido para ser traballado con grupos de persoas de a partir de 12 anos a través dunha Unidade Didáctica específica que pode ser descargada de graza.

Arquivos asociados: