Proposta presentada á Comisión para a Reactivación pos-COVID19 do Parlamento Galego

Proposta presentada á Comisión para a Reactivación pos-COVID19 do Parlamento Galego

Resiliencia, reagrarización e poscrecemento na Galicia pos-COVID19Vense de presentar un informe elaborado por Manuel Casal Lodeiro, coordinador do Instituto Resiliencia, como achega aos traballos da Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19 que se creara no outono de 2020 no Parlamento galego.

O documento, que leva por título Resiliencia, Re-agrarización e Poscrecemento na Galicia pos-COVID19, contou coas achegas de numerosos especialistas nestas cuestións tanto do noso país como do ámbito español.

O documento está dispoñible para descarga neste web do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, dentro de cuxa misión se encaixa:

Download “Resiliencia, Re-agrarización e Poscrecemento na Galicia pos-COVID19” Proposta-IR-para-Comision-de-Reactivacion-Galicia-202101-v1-4.pdf – Downloaded 285 times – 933,71 KB

A continuación reproducimos a sección de “Conclusións e resumo da proposta”:

A situación que vimos de describir caracterízase polas seguintes observacións:

  1. O Teito da extracción mundial de petróleo xunto co declive doutros combustibles fósiles nos vindeiros anos, así como os respectivos teitos extractivos doutros materiais esenciais non renovables (fósforo para a agricultura, minerais esenciais para os sistemas modernos de captación de enerxía renovable, etc.) vai obrigar de maneira ineludible a se enfrontar o modelo de civilización industrial cos límites biofísicos do planeta.
  2. As chamadas enerxías renovables constatan limitacións de todo tipo que fan que sexa inviable substituír completamente en cantidade e diversidade a enerxía que viñeron fornecendo até o de agora os combustibles fósiles. E cheguen a substituír os TW de consumo actual que chegaren, non poderán continuar a medrar indefinidamente, e xa que logo, non poderán termar dun crecemento constante da economía. En consecuencia, teremos que contar con elas para as nosas sociedades futuras, mais partindo de que estas deberán ter un nivel de actividade moi inferior ao actual.
  3. A Transición Enerxética a fontes renovables implica unha perda non só de volume de enerxía dispoñible, senón tamén de cualidade, expresada en termos de Taxa de Retorno Enerxético. Isto implica unha necesaria redución non só do consumo global de enerxía, eliminando todo aquel que sexa superfluo e xestionando democraticamente a demanda desde o sector público, para acompasar ordeadamente o declive enerxético, senón tamén unha necesaria redución da complexidade socioeconómica a todos os niveis, pois foi precisamente a gran dispoñibilidade de cantidades inxentes de enerxía fósil de alta TRE a que permitiu o levantamento de civilizacións tan complexas como as actuais.
  4. Se a chamada descarbonización da economía é precisa non é soamente porque vaia minguar a nosa dispoñibilidade de combustibles fósiles, senón porque estamos obrigados como sociedades a deixar as reservas fósiles restantes no subsolo se queremos evitar un caos climático absolutamente catastrófico, que pode mesmo levar á extinción non só da nosa especie senón de incontables especies máis coas que compartimos a Biosfera. Os plans actualmente vixentes no seo da UE (nomeadamente o European Green Deal) que pretenden compatibilizar crecemento (agora denominado verde) da economía con redución de emisións de efecto invernadoiro están baseadas en hipóteses que a ciencia ten demostrado erróneas, como o chamado desacoplamento. Tamén parten do suposto de que simplemente mellorando a eficiencia (a cal tamén ten os seus límites, habitualmente esquecidos) se conseguen automaticamente reducións no consumo enerxético, o cal é falso pois sempre que permanezamos nun contexto onde o consumo total o determine o mercado, calquera aforro no microeconómico producido por un proceso máis eficiente, ficará anulado por un incremento do consumo no macroeconómico, efecto coñecido como o paradoxo de Jevons e amplamente analizado pola Economía Ecolóxica.
  5. A pandemia revelou supetamente unha carencia maiúscula de resiliencia a todos os niveis en sociedades como a española ou a galega. Esa falta de resiliencia estase a traducir en profundos efectos negativos nos terreos económico e social.
  6. A boa nova é que a vía tanto para mellorar a nosa resiliencia como para realizar unha Transición Enerxética viable a una economía baixa en emisións de carbono, ao tempo que minimizamos as posibilidades dunha mudanza climática catastrófica, é a mesma: planificar unha redución controlada e socialmente xusta da esfera material da economía, isto é, o que se adoita denominar nos movementos sociais, o Decrecemento. Ou, en palabras de Richard Heinberg, “reducir a economía sen crebala“. Porque non só é posible, senón tamén urxentemente necesario procurarmos unha “prosperidade sen crecemento”.

Redución controlada da economía (Decrecemento)

Por todo isto é que propomos á Comisión que inclúa no seu ditame:

  1. A elaboración dun Estudo acerca dos Límites ao Crecemento económico e sobre a compatibilidade entre crecemento económico e descarbonización / transición enerxética.
  2. A elaboración dun Plan para a Resiliencia de Galicia. Asignación dunha parte importante dos fondos do Plan de Recuperación para Europa que correspondan á nosa comunidade autónoma, para a súa efectiva e urxente posta en práctica. Unha das accións fundamentais que debería incluír sería a creación dun Observatorio Galego da Resiliencia.
  3. A revisión completa dos proxectos galegos candidatos aos fondos europeos en clave de resiliencia, descomplexización, redución planificada da esfera material da economía e mudanza civilizatoria. Revisión global das estratexias galegas relativas á economía, infraestruturas, dixitalización, transporte, monte, agricultura/gandaría/pesca/marisqueo, minaría, etc. á luz das perspectivas achegadas polo Informe referido no punto 1º.

Na nosa opinión, o estudo proposto podería ser encargado directamente pola actual Comisión parlamentar, mentres que o Plan para a Resiliencia debería tomar idealmente a forma dun Proxecto de Lei elaborado conxuntamente polos tres grupos da cámara co maior grao de consenso posible, para ser executado á maior prontitude polo Goberno galego. En canto á revisión dos proxectos galegos presentados a NGEU así como das estratexias públicas galegas, suxerimos a constitución dun Comité Científico e Técnico sobre Resiliencia e Poscrecemento formado, entroutras, por persoas expertas en metabolismo socioeconómico procedentes do campo da Economía Ecolóxica.



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.