Principio de precaución vs. Falacia do presente permanente
Manuel Casal Lodeiro, coordinador do Instituto Resiliencia, unha das entidades que fan parte do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, vén de publicar un artigo na sección Ás Ceibas da revista Luzes, do que ofrecemos aquí a versión completa co seu título orixinal.
Principio de precaución vs. Falacia do presente permanente
A práctica totalidade das políticas públicas deseñadas e postas en andamento na actualidade en calquera país do mundo, aséntase sobre unha falacia lóxica: considerar que, mutatis mutandis, todo vai ser como até o de agora. Aínda por riba isto atenta fondamente contra un principio supostamente sagrado, malia non exento de polémicas permanentes encol da súa aplicación, na política moderna: o principio de precaución.
Todos temos unha idea intuitiva da importancia da precaución, e coñecemos casos nos que se aplica, como principio, ás políticas públicas, nomeadamente no que atinxe ao medio ambiente e á saúde pública. Moito máis descoñecida, porén, é a falacia que o pensador ecoloxista británico David Fleming denominara “the Fallacy of the Permanent Present” (no seu libro Lean Logic: A Dictionary For the Future) e pola que se lle dá un peso indebido ás condicións do presente cando temos que considerar unha opción con consecuencias a longo prazo.