Propostas para a Lei de Mudanza Climática e Transición Enerxética

Propostas para a Lei de Mudanza Climática e Transición Enerxética

EmerCivA pasada semana un grupo de científicos e activistas, coordinados polo Instituto Resiliencia (entidade membro do CSS) remitiu un documento analizando as eivas da Lei de Mudanza Climática e Transición Enerxética que prepara o goberno español (aínda na súa versión borrador) e facendo toda unha serie de recomendacións para a súa mellora. O máis importante é o erro de partida que estes científicos, membros do Grupo de Enerxía, Economía e Dinámica de Sistemas da Universidade de Valladolid, do Grupo Transdisciplinar para as Transicións Socioecolóxicas ou da Asociación para o Estudo dos Recursos Enerxéticos, detectaron na formulación da lei e que se pode resumir nestas liñas incluídas no documento:

consideramos que deberían revisarse totalmente los objetivos de la LCCTE, pues la única manera de reducir los inputs energéticos (en una escala apreciable, y sin desviar consumos más intensos a terceros países) es intentar reducir el output económico de forma controlada (…). Para reducir los outputs de emisiones, las propuestas del borrador de la ley están basadas, en gran medida, en una transición relativamente rápida a fuentes energéticas renovables. Sin embargo, para realizar esta transición en el tiempo y la forma pretendidas habría que analizar previamente —y no darlo por supuesto— si es posible realizar tal sustitución sin modificar radical y fundamentalmente la estructura de nuestra Civilización.

O texto pódese consultar ampliado e actualizado no wiki Transicion-Ecologica.info que o grupo puxo en marcha, creado e xestionado polo Instituto Resiliencia desde Ames (Galiza).

Incluímos a continuación a nota de prensa que remitiron aos medios:


Expertos en enerxía e en modelización socioeconómica, coordinados
desde Galiza, aseguran que unha “Transición Enerxética requere
dunha transición de sistema”

UN NOVO GRUPO DE CIENTÍFICOS E ACTIVISTAS PROPÓN DECLARAR UN
“ESTADO DE EMERXENCIA CLIMÁTICO E ENERXÉTICO”

Nun documento que fixeron chegar este mércores 28 ao equipo encargado
de redactar a nova Lei de Mudanza Climática e Transición Enerxética
promovida polo goberno de Pedro Sánchez, recoñecidos nomes da ciencia
e do activismo ecosocial reclaman “medidas de excepción” á altura
da “emerxencia” que vive a nosa civilización.

No mesmo día en que o departamento de Medio Ambiente da ONU
daba a coñecer que as emisións de CO2 volveran medrar a nivel
global despois de tres anos de estancamento —afastando así a
comunidade internacional das metas propostas para combater a mudanza
climática—, este novo grupo denominado EmerCiv (Emerxencia
Civilizatoria) remitiu ao Ministerio dirixido por Teresa Ribera
unha contundente enmenda á totalidade ao borrador da lei que
en España marcará os pasos cara a unha Transición Enerxética. Esta
transición, en palabras dos científicos de EmerCiv “só será
posible se mudamos a un modelo económico que deixe de crecer”.
Abandonar os combustibles fósiles, como se marcou a Comisión
Europea para 2050, ao mesmo tempo que se mantén o crecemento
económico “é biofisicamente imposible”, sosteñen nun documento
de 28 páxinas que se completa co lanzamento de Transicion-
Energetica.info, un novo web onde proseguirán o seu labor de
elaboración e difusión de propostas “alén do marco desta
lei concreta”.

Na liña das “medidas sen precedentes, drásticas e urxentes”
reclamadas pola ONU no informe publicado esta semana, os científicos
españois presentaron un conxunto amplo de medidas que supera en
alcance as demandadas na anterior semana ao Ministerio por parte das
principais organizacións ecoloxistas españolas. Entre as súas
propostas máis salientables está o abandono “do actual sistema
baseado no crecemento”, a eliminación de axudas ás industrias
electrointensivas, a reestruturación das cidades para reducir de
maneira drástica os desprazamentos, dedicar todos os recursos do
Estado a “explicar á poboación a gravedade da situación”, ou un
pulo público de gran escala á agricultura ecolóxica, á
reforestación e mais ao repoboamento rural.

En canto á súa avaliación das propostas do gobierno dadas a coñecer
até o de agora nos medios de comunicación, non só critican aspectos
concretos como que se limite a fin do diésel aos vehículos privados
e que se promova o coche eléctrico como “solución”, senón que o
conxunto do borrador está eivado, na súa opinión, por “un erro de
concepto”, xa que “é preciso conxugar este tipo de substitución de
tecnoloxías coa transformación socioeconómica”. Critican, asemade,
que se confíe o éxito da “descarbonización” ao aumento da eficiencia
e á desmaterialización económica, supostos que cualifican de “moi
problemáticos”. Advirten de que, tras 50 anos de advertencias
científicas desatendidas, de non se correxiren estes erros de
concepto e a falta de profundidade nas medidas da lei, se podería
producir “un proceso de descomposición social” e “o colapso do modo
de vida industrial” debido ao descenso da enerxía neta dispoñible
para o metabolismo social.

Entre as persoas que elaboraron esta proposta para abordar o
que cualifican como “a tarea colectiva máis importante do século
XXI”, está o grupo de investigadores sobre economía e enerxía da
Universidade de Valladolid, a activista ecofeminista Yayo Herrero,
o ferrolán Emilio Santiago Muíño (doutor en antropoloxía social), os
expertos no Teito do petróleo Pedro Prieto e Antonio Turiel,
o experto en metabolismo económico Óscar Carpintero e o profesor de
filosofía moral da Autónoma de Madrid Jorge Riechmann. A redacción
do documento foi coordinada desde Galiza polo Instituto Resiliencia,
entidade que forma parte do Centro de Saberes pola Sustentabilidade,
recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.